Green Machine, Novedades Carminha, Royalties e Minapolaris, no rock en Costa 2009
Tres bandas galegas e unha portuguesa conforman este ano o cartel do Rock en Costa, que a Asociación Xurásica vén de pechar. Green Machine (Barcelos), Minapolaris (A Coruña), Royalties (Santiago D.C.) e Novedades Carminha (Santiago D.C) actuarán o sábado 13 de xuño na oitava edición do festival, que por primeira vez vai celebrarse no interior do Centro Socio Cultural do Castiñeiriño, en Compostela.
O Rock en Costa segue apostando polos barrios como motores culturais das cidades e pola aproximación entre as músicas de Galicia e Portugal. Para mostralo, este ano actuarán na xa clásica cita do Castiñeiriño os composteláns NOVEDADES CARMINHA, unha banda nova e descarada que practica o punk ao estilo dos primeiros Siniestro Total; os tamén santiagueses ROYALTIES, unha apisonadora de punk-rock and roll formada por clásicos da escena da cidade que se atopan, coa edición do seu último cd, no seu mellor momento creativo; MINAPOLARIS, outro conxunto de rock abrasivo procedente da Coruña; e os portugueses GREEN MACHINE, ben coñecidos pola parroquia galega polos seus concertos incendiarios baseados na impresionante presenza escénica do seu vocalista e na suorosa base rítmica que o acompaña.
O concerto, que coma sempre é balde, empezará ás dez da noite.
Fuente: Noticias Galicia.