Os do lapis da liberdade

A Fundación Castelao, A Oliveira e o Concello de Teo rendiron un emotivo tributo ao último alcalde republicano de Compostela na Ribeira de Cacheiras, o lugar onde foi fusilado en agosto de 1936.

«As homenaxes non se fan contra ningúen, fanse para alguén e neste caso faise para Ánxel Casal, un home da estirpe do lapis da liberdade». A Ribeira de Cacheiras, en Teo, acolleu onte a sentida lembranza do último alcalde republicano de Compostela, Ánxel Casal, baixo esta declaración de principios do alcalde teense, Martiño Noriega, e «non para remexer nos mortos, senón nos vivos», en palabras da vicepresidenta da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica A Oliveira, Pilar Buela.

A Oliveira, xunto coa Fundación Castelao impulsaron un ano máis a homenaxe «ao editor da Xeración Nós, ao galeguista» e ao loitador político na defensa do Estatuto de Galicia. Por segunda ocasión, o Concello de Teo participou activamente neste acto, apoiado tamén polos concellos de Arzúa e Santiago, representados na figura dos seus alcaldes Xaquín García e Mar Martín (en funcións), e nos que Casal pasou os seus últimos días, antes de ser paseado e fusilado en Cacheiras en agosto de 1936 polo alzamento franquista. Xunto a representación política encarnada nos edís teenses Carme Hermida, Rafael Sisto, Jano Leis e a concelleira compostelana Elvira Cienfuegos, a parte emotiva da lembranza tomou rostro de familia coa presenza da irmá de Casal, Pura, e as sobriñas do exrexedor; e de dous «benqueridos amigos» e nomes propios do galeguismo, o pai da lenda Sargadelos, Isaac Díaz Pardo, e o presidente da Fundación Castelao, Avelino Pousa Antelo.

Tamén o mundo da Cultura rememorou a morte de Casal no mesmo lugar en que foi atopado o seu corpo o 19 de agosto do 36. Ate alí, ao monolito que recorda os feitos, achegáronse así o historiador Ramón Villares, o filólogo do IGI, Xosé Ramón Fandiño, o presidente da Fundación Amigos de Galicia, Suso Busto, e o xornalista Luis Rial.

Xunto a eles, case un centenar de veciños denunciaron a hemorraxia da que oficialmente morreu Casal: «hemorraxia a que nos provocaron a todos nós».

Fuente: El Correo Gallego.

Te puede interesar

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *